A celebración de Santa Kata no campus pontevedrés, no aire ante a oposición da Universidade
Por Diego Espiño
A festa estudantil universitaria que congrega un maior número de estudantes na cidade cada ano, Santa Kata, está en serio risco nesta ocasión.
O reitorado da Universidade de Vigo denegou os permisos necesarios para a súa celebración así como a cesión de espazos do campus. Así llo comunicou á organización este venres 12 de abril.
Santa Kata é a festa que tradicionalmente organizan os alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e a Comunicación na honra á súa patroa, Santa Catalina de Siena, e nos últimos anos estivo rodeada de polémica debido ao botellón paralelo que se ocasionaba.
"Sen o permiso pertinente do Reitorado, desde a organización vémonos incapacitadas para permitir que o evento se realice de forma correcta (coa contratación dun seguro de responsabilidade civil, os permisos correspondentes, seguros de subcontrataciones....) a pesar de que a xente se conglomerará de todos os xeitos nas instalacións do campus sen respaldo de ningunha entidade", explican desde a organización a través dunha petición aberta na plataforma Change.org.
"O único motivo que se nos traslada desde a responsable de campus para esta negativa é cambios na filosofía do reitorado actual, negándolle a 4.000 estudantes a celebración dun evento que vén organizando desde hai 25 anos", sinalan.
A celebración de Santa Kata no campus pontevedrés estaba prevista para o vindeiro xoves 25 de abril.