Barcelos convida os pontevedreses a vivir a Festa das Cruzes
Por Redacción
Moitos pontevedreses sorprendéronse na mañá deste domingo ao atoparse a un grupo folclórico portugués animando as rúas da cidade.
Era unha delegación da localidade lusa de Barcelos, irmandada coa Boa Vila, que pretendía promocionar a súa 'Festa das Cruzes' e convidar a todos os pontevedreses a sumarse aos festexos.
A Festa das Cruzes é a primeira gran romaría do Minho que terá lugar do 25 de abril ao 3 de maio neste municipio portugués, un evento que ten a súa orixe no século XVI e que mestura cultura, folclore, gastronomía e tradición relixiosa.
Os grupos folclóricos fixeron un percorrido polas rúas da cidade que comezou na praza de Pontevedra que leva o seu nome, Barcelos, e finalizou na Casa da Luz onde estaba prevista unha presentación da festa coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e a vicepresidenta da Cámara municipal de Barcelos, Armandina Soleiro.