Carme da Silva reclama en Bueu un cambio na política forestal
Por Redacción
Unha nova política forestal que potencie o uso diversificado do monte galego e aproveite a súa potencialidade non só relacionado á produción de madeira. É a reclamación que fixo este sábado Carme da Silva nunha visita a Cabo Udra, Bueu.
A cabeza de lista do BNG ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra visitou os terreos da comunidade de montes de Beluso, onde se está creando un parque forestal.
Da Silva apuntou cara á desidia das administracións galegas e estatal cara ao estado do monte, o que o converte no "maior problema ambiental de Galiza" e un "auténtico polvorín" que cada ano sofre cos incendios forestais.
Para a representante nacionalista Galicia é unha potencia no sector ao ter a maior superficie forestal do Estado, pero defendeu que o único uso que se está facendo do monte é poñelo a disposición de Ence.
"Están a facer co monte o que lle dá a gana converténdoo no maior problema ambiental do país cando podería ser un grande beneficio ambiental ao que se lle podería sacar moito valor económico sustentable e rendible se houbese unha política forestal correcta", salientó.
SANEAMENTO DE RÍOS E RÍAS
Por outra banda, no acto convocado pola tarde en Caldas de Reis, Da Silva confirmou que o saneamento das rías e ríos galegos será outra das prioridades do BNG en Madrid.
Ante varios representantes da 'Plataforma antiencoro' do Umia, defenderon a necesidade de desmantelar o encoro do Umia, ao que sinalaron como causa fundamental da contaminación do río.