Carme da Silva proponse rematar coa discriminación financeira dos Concellos galegos
Por Redacción
Carme da Silva, a cabeza de lista do BNG ás eleccións xerais, mantiña este luns na sede da rúa Marquesa en Pontevedra un encontro con alcaldes, candidatos á alcaldía, concelleiros e voceiros da formación nacionalista na comarca. Entre os asistentes a esta xuntanza atopábanse, entre outros dirixentes municipais, Miguel Anxo Fernández Lores, Luciano Sobral, Xosé Manuel Abraldes, Ornela Fernández e Ernesto Filgueira.
Durante este encontr, Carme da Silva afirmou que só o BNG pode ser o partido que ofreza "voz real" a Galicia e remate coa discriminación financeira que sofren os Concellos galegos.
A candidata indicou que mentres representantes do PP e do PSOE se queixan durante as xuntanzas da Federación Galega de Municipios e Provincias de que os municipios galegos reciben 50 euros menos por habitante que outros municipios estatais, o goberno en Madrid mantén esta "aldraxe". Anunciou que si o BNG logra representación no Parlamento presentará unha iniciativa parlamentaria para resolver esta situación.
Por este motivo, a formación nacionalista reclama unha Facenda galega que permita a recadación de impostos e revertilos en Galicia. Da Silva afirma que un 20% menos por habitante son moitos recursos cando aquí polo avellentamento da poboación e pola súa dispersión os servizos son máis costosos. Como exemplo afirmou que as sete principais cidades de Galicia, en total 930.000 habitantes, reciben ao redor de 8,5 millóns de euros anuais menos que a cidade de Málaga.
Tamén lamentou a financiación municipal que reciben os municipios polo Pacto de Estado pola Violencia de Xénero. O Concello de Pontevedra obtivo 16.000 euros, un 57% menos do que lle correspondería se se fixera unha distribución por habitante.
Por este motivo reclama un concerto económico para Galicia e sinalou que o BNG é a única agrupación que defenderá os intereses do país e porá freo á "dereita autoritaria e españolista".
Relacionadas:
-
Carme da Silva reclama en Bueu un cambio na política forestal
Por Redacción |
-
O BNG toma impulso en Pontevedra para ser "decisivo" en Madrid e dar a Galicia "voz propia"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, punto de partida da campaña dun BNG "ilusionado" por volver ao Congreso
Por Alejandro Espiño |