O Concello o Marín oferta 300 prazas nos Campamentos de Conciliación
Por Redacción
A concelleira de Benestar Social do Concello de Marín, Marián Sanmartín, acompañada da directora e psicóloga do Centro de Información ás Mulleres, Marián Sánchez e Rita María Rey Souto, alumna en prácticas do Ciclo Superior de Promoción de Igualdade de Xénero, informaron da próxima convocatoria dos Campamentos de Conciliación municipais urbanos e rurais.
Como en anos anteriores o obxectivo é dar cobertura as necesidades das familias con dificultades de conciliación persoal, familiar e laboral con servizos e actividades lúdico-educativas de calidade.
Os campamentos urbanos terán lugar no CEP Sequelo para un total de 250 participantes, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos: Do 1 ao 15 de xullo (75 prazas); do 17 ao 31 de xullo (75 prazas), do 1 ao 14 de agosto (50 prazas) e do 16 ao 30 de agosto (50 prazas).
Coa intención de facilitar o acceso a este recurso municipal ás familias que habitan nas zonas rurais do municipio, terán lugar dúas quendas de campamentos rurais, para un total de 50 nenos e nenas: do 17 ao 31 de xullo (25 prazas) na Casa de Cultura de Mogor e do 1 ao 14 de agosto (25 prazas) na Casa de Cultura de Seixo.
O máximo de solicitudes a entregar por persoa será de catro instancias e a cobertura das prazas será por rigorosa orde de inscrición.
A iniciativa é só para nenos e nenas empadroadas en Marín, agás cando unha quenda non estea completa, que se terán en conta outras preferencias. Só se poderá participar nunha quenda, agás que queden prazas sen cubrir.
O prezo público dos campamentos será de 30 euros por participante. O prazo de inscrición será do 2 ao 16 de maio, ámbolos dous inclusive. As listas de admisión publicaranse no Concello o día 28 de maio.