Nito Sobral pide á veciñanza de Poio unha maioría do BNG para "seguir avanzando con rumbo certo"
Por Redacción
O candidato do BNG á Alcaldía de Poio, Nito Sobral, presentou este martes en Combarro a candidatura completa para as eleccións municipais do vindeiro 26 de maio asegurando que a súa aspiración é que o Concello siga "avanzando con rumbo certo". Sobral pediu á veciñanza unha maioría do Bloque Nacionalista Galego para xestionar os proxectos que están en marcha e novas iniciativas que dean pulo ao municipio.
Acompañado da cabeza de lista ao Congreso Carme da Silva afirmou que "o voto ao BNG fixo mellorar a vida da veciñanza nun concello como Poio e se estamos en Madrid demostraremos que o BNG é útil tamén para todo o país", subliñou.
Sobral lembrou que nestes momentos o goberno local ten en marcha o parque forestal, as sendas do litoral e traballa para dotar de solo industrial ao concello, entre outras iniciativas. Tamén destacou a aprobación da área de rehabilitación (ARI) de Combarro "que está a traer melloras ao recinto histórico artístico", a "necesaria" aprobación do PXOM, ou a "presión que é preciso exercer ante a Xunta para mellorar a PO-308".
As dúas novas incorporacións da lista municipal do BNG de Poio, Raquel Rodríguez e Xosé Rial, foron os encargados de presentar ao resto dos compañeiros, unha candidatura "coherente que recolle o traballado e inclúe novas ideas" formada por Luciano Sobral, Marga Caldas, Xosé Luís Martínez, Raquel Rodríguez, Xulio Barreiro, Lidia Salgueiro, Xosé Rial, Alicia Martínez, Francisco Xosé Acuña, María Pousada, Alfonso Villanueva, Ana María Casal, Xermán Rouco, Paula Piñeiro, Martín Coego, María Luz Senra, Xan Bautista Cambón, Almudena Acuña, Xosé Río e Josefa Otero.
Ademais da intervención de Sobral, o mitin celebrado en Combarro serviu tamén para dar voz á candidata ás xerais Carme da Silva, quen salientou que o voto ao BNG ten "valor dobre", pois nun contexto sen maiorías absolutas a forza galega "poderá condicionar políticas e orzamentos en favor do país poñendo freo tamén á dereita cavernícola".