Ponte Caldelas xestiona un novo espazo para aparcar 80 coches no centro urbano
Por Oskar Viéitez
O Goberno local de Ponte Caldelas vén de pechar un acordo coa maioría dos propietarios de varias leiras urbanas nas que se situará, nun futuro moi próximo, o "Aparcamento Central", con capacidade para outros 80 coches.
O novo estacionamento sitúase detrás da ludoteca e a escola infantil Galiña Azul. Terá unha superficie total de 1.000 metros cadrados e está conformado por parte de catro fincas urbanas que o Concello vai expropiar, previo acordo no prezo con tres dos catro propietarios. O cuarto propietario recibirá o xustiprezo. Ao non haber prezo pactado, este cuarto propietario terá expedita a vía da reclamación administrativa e, se o considera oportuno, da contencioso-administrativa.
O alcalde, Andrés Díaz, está en trámites de asinar, un documento previo cos tres propietarios cos que hai entendemento económico. O Concello establece así un prazo dun ano para realizar tódolos trámites expropiatorios, que inclúen acordo plenario de aprobación inicial da utilidade pública, exposición ao público, levantamento de actas previas e aprobación definitiva.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) xa está a traballar na urbanización parcial das fincas, incluíndo tamén as obras dos novos peches nas partes traseiras das fincas afectadas.
Anteriormente o Concello xa chegou a un acordo coa comunidade de montes de Cuñas para crear o "Aparcamento da Valdarrosa" na subida ao Instituto, con capacidade para 300 vehículos.
Este aparcamento está pensado para albergar ao público que acude nos días de feira ou durante as fins de semana nas que se celebran eventos.