As temperaturas achegaranse aos 30 graos nas Rías Baixas este sábado de Semana Santa
Por Redacción
Este Venres Santo preséntase como unha xornada de transición cara ás altas presións. Durante esta mañá predominarán as nubes baixas nas Rías Baixas, con algún orballo. Durante a tarde comezarán a abrirse grandes claros. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso situándose entre as 12 e os 26 graos, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia. O vento soprará de compoñente norte, moderado pero con intervalos fortes no litoral.
O sábado, Galicia estará situada baixo a influencia anticiclónica. Os ceos aparecerán pouco nubrados ou despexados. As temperaturas mínimas manteranse ao redor dos 13 graos mentres que as máximas ascenderán aos 29 graos en toda a zona das Rías Baixas. O vento soprará do noroeste, entre frouxo e moderado.
Xa durante o domingo 21, Galicia situarase nun punto intermedio entre o anticiclón do norte de Europa e as baixas presións que se rexistran no Mediterráneo, con ventos do noroeste. Os ceos continuarán pouco nubrados ou despexados e as temperaturas descenderán lixeiramente situándose entre os 11 e os 24 graos.
Durante o luns a atmosfera seguirá estable con tempo seco e temperaturas suaves, entre os 10 e os 21 graos. Espérase inestabilidade a partir do martes con probabilidade de choivas.
Relacionadas:
-
Despois da tregua dos mundiais de tríatlon... volve a choiva
Por Redacción |
-
A "mellor Semana Santa dos últimos anos" e os mundiais de tríatlon enchen as vivendas turísticas pontevedresas
Por Redacción |
-
Os termómetros acadan os 29,5 graos e empuxan a veciños e turistas ás praias
Por Redacción & Diego Torrado |