Yolanda Diaz (En Común-Unidas Podemos): "En Pontevedra só o 6’5% dos contratos son indefinidos. Iso é o que fixo o PP"
Por Redacción
En Común-Unidas Podemos presentouse este sábado en Pontevedra como a alternativa a un goberno en coalición entre PSOE e Ciudadanos que "só faría que siga mandando o IBEX 35" e un do PP que suporá prolongar políticas como as que deron lugar á precariedade creada polas reformas laborais.
A candidata ao Congreso por Pontevedra, Yolanda Díaz, estivo nun acto na praza do Teucro acompañada pola número 2 da súa candidatura, Ángela Rodríguez (Pam); o candidato ao por Santa Cruz de Tenerife, Alberto Rodríguez; o candidato pola Coruña, Antón Gómez-Reino; Mariquiña Lores, tamén integrante da lista por Pontevedra; a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla; o secretario de Acción Institucional de Podemos Galicia, Marcos Cal; a secretaria de Educación da formación morada, Julia Torregosa; e o secretario de Podemos en Pontevedra, José Ramón Otero.
Na súa intervención, Yolanda Díaz, destacou que "(Pedro) Sánchez enorgullécese de traballar man a man con Rivera" e iso é sinónimo de impunidade para os poderosos, mentres que "con nós no Executivo as empresas do IBEX 35, a Igrexa e todos os poderosos como Amancio Ortega van pagar impostos, como todo o mundo".
Tamén denunciou a precariedade creada polas reformas laborais e acusou ao PP e a cabeza de cartel deste partido pola provincia, Ana Pastor, de mentir cando din que crean emprego, xa que "coa súa reforma laboral o único que fixeron foi repartir miseria". "En Pontevedra só o 6'5% dos contratos son indefinidos. Iso é o que fixo o PP. Pero nós témolo claro: en España a modalidade contractual laboral vaise chamar contrato indefinido" indicou.
Alberto Rodríguez, indicou que "a corrupción é a forma de gobernar dos que neste país non se presentan ás eleccións". Ante isto, chamou a "saír a votar o 28A para que gobernemos os que non lle debemos nada a ninguén". Como mostra do nerviosismo dos poderosos, Rodríguez lembrou a campaña orquestrada "dende as cloacas do Estado para que Unidas Podemos non estivera no goberno".
Ángela Rodríguez (Pam) insistiu na necesidade de evitar a formación dun Executivo de PSOE e Ciudadanos, xa que "Sánchez aínda non dixo que non vai pactar con Cs". Así, insistiu en que o 28 de abril "temos que evitar que Rivera sexa o ministro de Traballo e facer que o sexa Yolanda Díaz votando a En Común-Unidas Podemos". A candidata da cidade do Lérez tamén advertiu do risco de retroceder en dereitos en caso dun Executivo formado por PP, Cs e Vox. "Están dispostos a xogar coas nosas vidas con tal de volver gañar. Non lles importamos as mulleres nin as persoas LGTBI. Demóstrano día a día coas súas declaracións", sentenciou.
Mariquiña Lores alertou de que "non podemos deixar que gobernen as dereitas" porque provoca consecuencias como as que sufrimos con Feijóo en Galicia, que "está vendendo a baixo prezo o noso sistema de saúde". A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, chamou a mobilizarse na cita electoral tamén polas traballadoras e traballadores dos servizos públicos que se están mobilizando, como os da CRTVG, e Marcos Cal, sinalou que "fronte á Galicia da involución á que nos queren levar, está a Galicia que loita contra o cambio climático, que é feminista, que quere camiñar En Común".