Bicifestación de Pedaladas: "Queremos que Pontevedra sexa unha cidade amable que permita a todas as persoas usar a bicicleta"
Por Redacción
Unha 'bicifestación' con 131 bicicletas percorreu este domingo preto de dez quilómetros para reivindicar: "queremos ir en bici". Pedaladas organizou este acto lúdico e á vez reivindicativo dentro do programa '30 días en bici'.
'30 días en bici' é un reto realizado a nivel global no mes de abril, consistente en comprometerse a usar a bicicleta todos os días do mes, xa sexa para ir ao traballo ou instituto, para dar un paseo ou para facer deporte.
Esta pedalada popular foi ao mesmo tempo unha saída en familia e unha bicifestación reivindicativa para seguir solicitando a Vía Verde entre Pontevedra e Vigo, o paseo ciclista e peonil entre Pontevedra e Marín, unha rede de carril bici que permita usar a bicicleta en Pontevedra sen importar idade ou condición física e unha ordenanza de mobilidade actualizada.
Segundo a información facilitada por Pedaladas, participaron 131 bicicletas e unhas 162 asistentes, pois moitos pequenos asistiron en cadeira xunto cos seus pais. Pequenos de 3 e 4 anos pedalearon os 9,7 quilómetros do percorrido.
Pedaladas critica que "Pontevedra non é unha cidade amable para facer ocio familiar en bici ou para mandar aos nenos ó cole en bici" e que "non é certo que unha vía pensada para automóbiles, pero limitada a 30 quilómetros por hora, sexa un carril bici". Aseguran que unha proba desa afirmación é que para facer estas saídas familiares e organizar a pedalada popular precisan a axuda da Policía Local.
A modo de resumo, a organización indica que non queren ter que facer un '30 días en bici,' queren poder organizar un '365 días en bici'. A maiores, engaden: "queremos que Pontevedra sexa unha cidade amable que permita a todas as persoas usar a bicicleta sen importar idade ou condición física".