Ponte Caldelas acolle un curso de apicultura sostible
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra desenvolve en Ponte Caldelas a parte presencial do curso formativo "A apicultura moderna e sostible", enmarcado no proxecto DepoApicultura, e que se desenvolve ata setembro.
Este martes e o mércores vai ter lugar, no Centro Cultural de Ponte Caldelas, a formación presencial, en horario de 9 a 14 horas. Esta iniciativa tamén ten unha formación on line, que se desenvolve ata setembro. En total, son 50 horas de formación, 40 a distancia e 10 presenciais. Trátase de actuacións totalmente gratuítas.
DepoApicultura é un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que se desenvolve en zonas rurais da Rede Natura das provincias de Pontevedra e de Zaragoza, cuxo obxectivo é o de mellorar a empregabilidade no sector apícola, sobre todo daquelas persoas con dificultades de acceso ao mercado laboral. Dentro destas accións formativas, as persoas participantes aprenderán conceptos e técnicas para levar adiante explotacións apícolas modernas.
O proxecto DepoApicultura inclúe tanto accións formativas presenciais como mixtas. Os cursos presenciais teñen lugar no Rosal, en Vilaboa e en Barro, todos eles xa iniciados. Os cursos mixtos, coma este de Ponte Caldelas, teñen cabida tamén en Salceda de Caselas e no Rosal.