Catro mozos, sospeitosos da proliferación de furtos en comercios e locais de hostalería desde marzo
Por Natalia Puga
A proliferación de furtos rexistrada durante os meses de marzo e abril en comercios e locais de hostalería de Pontevedra mantén alerta á Policía Nacional e permitiu poñer en foco sobre catro sospeitosos, catro mozos que nas últimas semanas xa foron identificados en varias ocasións.
O último dos delitos que se lles atribúe mantén a un deles nos calabozos da Comisaría Provincial de Pontevedra porque non se trata dun furto, senón dun roubo con forza. Segundo confirmaron fontes policiais, o mozo está detido por roubar nunha lavandería da rúa Filgueira Valverde e está previsto que pase a disposición xudicial durante as próximas horas.
A Policía atribúelle bastantes furtos, pero non transcendeu o número concreto. Si que a maioría son de furtos ao descoido de obxectos de pouco valor ou pequenas cantidades de diñeiro, de modo que non poden detelos, senón que a intervención policial limítase a identificalos. Ao non ser roubos, senón furtos, e non superar os 400 euros, non poden proceder á súa detención.
Os catro están implicados en varios sucesos como diversos furtos en locais do centro histórico, o furto dun bolso nunha cafetería do centro, unha subtracción no Hospital Provincial ou a subtracción dunhas zapatillas nunha tenda de roupa de Benito Corbal.
As mesmas fontes confirmaron que se trata de tres mozos e unha moza, que non sempre actúan xuntos e que son de idade moi nova.
Os roubos en locais de hostalería do centro histórico causaron alarma na cidade o pasado mes de marzo e sospéitase que algún deles puido ser obra destes mozos sospeitosos.