O PP de Ponte Caldelas presenta a idea dun complexo termal con hotel-balneario, centro de día e auditorio
Por Redacción
O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ponte Caldelas, Antón Xil, presentou a súa proposta coa que concurrirá ás eleccións municipais consistente nun complexo termal composto por un hotel-balneario, centro de día e auditorio "integrado nunha mesma estrutura construtiva de titularidade pública financiada coa participación da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra".
Antón Xil defendeu "un modelo público asumido de xeito transversal polas distintas consellerías da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra" co fin de "garantir a titularidade pública e a súa materialización dun xeito solvente".
O proxecto, axustado por un arquitecto á superficie construtiva da parcela, segue a estética do antigo balneario de Ponte Caldelas aínda que modernizado cunha gran cúpula de vidro, unha escaleira de caracol acristalada e incorporando un centro de día e un auditorio.
Na presentación en vídeo da iniciativa "A Ponte Caldelas que queremos", que tivo lugar no colexio Cordo Boullosa, Xil avogou por un debate participativo "para que entre todos escollamos o modelo que queremos para o noso balneario", indicou o candidato do PPdeG.