Suspenden polo mal tempo a festa universitaria de Santa Kata no parque do Gafos
Por Oskar Viéitez
Debido ás condicións meteorolóxicas de frío e choiva previstas para este próximo xoves 25 de abril, a organización decidiu suspender a celebración universitaria de Santa Kata prevista no parque dos Gafos.
Nun principio a coincidencia coas probas dos mundiais de Tríatlon impediu montar a festa no seu emprazamento habitual do campus. Así llo fixeron saber aos organizadores desde o reitorado da Universidade de Vigo ante a solicitude de instalar un escenario de grandes dimensións no exterior do campus para esa data.
No reitorado esta idea que non pareceu "a máis idónea", tanto desde o punto de vista da institución como tendo en conta ademais que o campus forma parte do circuíto do Mundial de Tríatlon que se celebrará en Pontevedra entre o 27 de abril e o 4 de maio e que motiva que desde o luns 22 haxa atletas no campus preparándose para as probas, así como a necesidade de ter en conta os prexuízos que a celebración dun "botellón" podería ter para o desenvolvemento da proba deportiva e para a proba de familiarización co circuíto que terá lugar o venres 26.
Ante esta resposta negativa os organizadores de Santa Kata buscaron alternativas para preservar esta parte lúdica da celebración da patroa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Santa Catalina, e así se obtivo o permiso para que o parque dos Gafos acollera esta festa que noutros anos chegou a reunir a uns 4.000 mozos.
Este novo emprazamento non estivo falto de polémica porque diversos colectivos expresaron a súa preocupación polo dano que se lle poida causar a este espazo natural, unha circunstancia da que eran conscientes os organizadores e pola que solicitaron a colaboración dos asistentes ao evento.
Especialmente preocupados mostráronse desde a asociación ambiental Vaipolorío que expresou publicamente o seu "rexeitamento á exaltación da Catabirra na contorna do río Gafos".
"Vaipolorío non pode agachar a cabeza ou mirar para outro lado", afirmaron os seus portavoces ante o "retroceso ambiental" que podería derivarse dun comportamento "incívico e insolidario".
Finalmente foi a ameaza de choiva a que suspendeu a festa. Os organizadores tentarán recuperala para despois dos exames de maio.