Así son as propostas que levan a Galiciencia os escolares de Pontevedra, Poio, Meis e Portas
Por Oskar Viéitez
A Galiciencia celebra a súa edición dedicada á saúde e os bos hábitos con récord absoluto de proxectos presentados. A maior feira científica de Galicia celebrarase en Tecnópole (Ourense) entre o 8 e o 10 de maio, co apoio da Xunta, o Ministerio de Ciencia e a Fecyt.
Os 50 proxectos que compiten polo premio final foron seleccionados entre un total de 134, un récord absoluto sobre o máximo de 83 rexistrado ata agora. Estas son as propostas que levan a Galiciencia os escolares de Pontevedra, Poio, Meis e Portas
Os alumnos do IES A Xunqueira I, Diego González Gey e Rosa María Pereira Vogt, acompañados pola docente Mónica Prado, presentan o proxecto "ECOmestible" que ten como obxectivo lograr unha certa autosustentabilidade alimenticia, xuntando tradicións rurais e urbanas cos avances tecnolóxicos ao noso alcance coma un ecohorto no balcón e a elaboración de iogur e pan ecolóxicos.
No IES A Xunqueira II as alumnas Zoe Campos Gómez e Itziar Dopazo González, acompañados pola profesora Raquel Gey, levan o "Proxecto Sanote" que nace da preocupación polo estilo de vida actual, moi afastado do ideal para a saúde.
Deste mesmo centro, o IES A Xunqueira II, as alumnas María Buceta Paz e María Seoane Cortés, da man da profesora Patricia Seijas, deseñaron o "ComunicaTEX". A finalidade deste proxecto é axudar a comunicarse a persoas con diversidade funcional. Para iso, construíron un panel téxtil cunha placa programable mediante a cal se reproducen unha serie de sons e luces que se adaptan ás necesidades comunicativas da persoa.
O Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio tamén presenta dous proxectos. Un feito polos alumnos Roi Santos Pontevedra e Sofía Prieto Barros consistente nunha cadea de restaurantes de comida rápida saudable e a segunda proposta, feita por Nuno Sinde Fernández de Ana e Pedro Fernández Vázquez, céntrase na loita biolóxica contra a avespa velutina mediante un fungo, o Cordyceps militaris, que podería inocularse nos niños das avespas e alimentarse das quitinas das súas larvas, reducíndose así a súa poboación e evitando o uso de insecticidas.
Dende o colexio CPI Mosteiro-Meis, os alumnos Brais Abal Señorans e Borja Rodiño Castro, acompañados polo profesor Camilo Ojea, presentan un estudo sobre o elevado número de estudantes que transporta mochilas sobrecargadas e elaboraron un decálogo de bos hábitos relacionados coa mochila escolar. Os seus compañeiros Samuel Izquierdo Beloso e Claudia Maquieira Ruibal centraron esta mesma investigación sobre o peso da mochila en alumnos de primaria.
Tamén do CPI Mosteiro é a proposta que levan Soraya Gómez Silva e Iago Moldes Buceta que estudaron as principais aves da Reserva Ornitolóxica do Grove e analizaron se o cambio climático está afectando ás especies migratorias.
No colexio CPI Domingo Fontán, de Portas, Nayara Vázquez Fojo e Alexia Santos Piñeiro traballaron no proxecto "Cosmeticum" eleborando cosmética caseira con ingredientes autóctonos, como cera de abella e a flor de caléndula, e outros de fácil adquisición, como o aceite de oliva.