Un operativo contra o furtivismo decomisa máis de 130 nasas preto da illa de Cortegada
Por Redacción
Un operativo de loita contra o furtivismo na pesca fluvial con artes prohibidas, desenvolto por axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia, logrou decomisar máis de 130 nasas nas proximidades da illa de Cortegada.
A intervención, que levou case doce horas, efectuouse dentro do límite fluvial do río Ulla, unha zona limítrofe co mar que tamén se sitúa no ámbito de afección do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
A pesca neste espazo está regulada polo plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2019, que se aprobou o pasado mes de xaneiro mediante unha resolución da Xefatura Territorial de Medio Ambiente de Pontevedra.
No operativo, no que participaron catro axentes facultativos medioambientais e cinco vixilantes de recursos naturais, determinouse que as máis de 130 nasas, de diversas formas e tamaños, pertencían a tres embarcacións distintas. As tres foron identificadas e denunciadas, o que deu pé ao inicio de expedientes sancionadores. As investigacións tratan de identificar tamén a propiedade doutras dúas nasas que non contaban con boia identificativa.
Na localización e o decomiso das nasas utilizouse unha zodiac do servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra. Nela embarcáronse dous axentes facultativos medioambientais e un vixilante de recursos naturais. Realizaron varias viaxes a terra ata conseguir retirar todos os aparellos. Os demais integrantes do operativo encargáronse de trasladar as nasas a unha dependencia oficial da Xunta de Galicia.