Arde unha nave de Armenteira precintada pola Policía e vencellada a Pérez Lago e Sito Miñanco
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un incendio aparentemente provocado. É a principal hipótese que manexan as autoridades para explicar o incendio que sufriu este mércores unha nave situada en Armenteira (Meis), onde estaban custodiadas varias planadoras de gran tamaño.
A nave atopábase precintada desde hai anos pola Policía Nacional e, segundo adiantou La Voz de Galicia, o inmoble estivo no seu día vinculado con David Pérez Lago, o fillastro de Laureano Oubiña, que o utilizaba para gardar as súas embarcacións.
Fora intervida en 2006, trasladan a PontevedraViva fontes policiais. Nela había material daquela época e da última detención de Pérez Lago, que caeu hai un ano na mesma operación na que foi detido Sito Miñanco.
Segundo informou o 112 Galicia, o incendio rexistrouse pouco despois das nove da mañá no lugar de Couso. Do interior da nave saía un fume denso e negro.
Ao lugar trasladáronse, entre outros corpos de seguridade, efectivos da Garda Civil e dos Bombeiros do Salnés, que acreditaron que polo menos dúas das embarcacións que estaban almacenadas no seu interior quedaron totalmente calcinadas.
Fontes próximas á investigación confirmaron a PontevedraViva que os investigadores acharon unha escaleira de madeira nun dos laterais da nave, pola que presuntamente accederían os causantes do incendio.
Ademais, a porta de acceso ás instalacións atopábase forzada.
O incendio foi extinguido sobre as doce do mediodía e non se rexistraron danos persoais.