Unha muller de 85 anos, falecida ao chocar un turismo e unha motobomba en Carballedo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha veciña de Cerdedo-Cotobade faleceu na mañá deste xoves nun grave accidente de tráfico rexistrado en Carballedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade. O sinistro consistiu na colisión entre un turismo Peugeot 205 e un camión motobomba da Xunta de Galicia.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 tivo coñecemento do sinistro sobre as 9.15 horas deste xoves a través de varias chamadas. Produciuse na estrada PO-233, nas inmediacións da piscifactoría de Carballedo.
No interior do turismo viaxaban nese momento tres persoas, das que algunha resultou atrapada, de modo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros do Salnés, con sede en Ribadumia, para proceder á excarceración.
Segundo as primeiras informacións, unha das persoas que viaxaba no turismo, unha muller de 85 anos que ían de acompañante, resultou falecida. O condutor resultou ferido grave e a outra acompañante, filla da falecida, resultou ferida leve.
A Garda Civil de Tráfico realizou ao condutor da motobomba as correspondentes probas de consumo de alcol e drogas e todas resultaron negativas. Segundo as primeiras hipóteses, a causa do sinistro foi que o turismo se saltou un sinal de Stop.
Ata o lugar do accidente desprazáronse, ademais dos bombeiros, a Garda Civil de Tráfico, efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Estrada e medios de Urxencias Médicas de Galicia, que chegou a mobilizar un dos seus helicópteros con base en Santiago de Compostela. Tamén se mobilizaron efectivos de Protección Civil.