Maica Larriba, tras unha Semana Santa con dous mortos de tráfico: "seguimos sendo imprudentes ao volante"
Por Natalia Puga
A Semana Santa deste ano deixou nas estradas pontevedresas dous falecidos en accidentes de tráfico. En total, rexistráronse 58 accidentes con danos materiais, 20 con vítimas, dous falecidos, dous hospitalizados e 29 persoas feridas leves. O balance supón un descenso do 41% nos sinistros e un 45% nos lesionados con respecto ao ano 2018, pero as vítimas mortais disparáronse, ao pasar de ningunha o ano pasado a dous leste.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, facilitou este xoves estes datos acompañada pola directora provincial da DGT, Paula Yubero, e o capitán do subsector de Tráfico da Garda Civil, Leovigildo Villar, e explicou que, en base á sinistralidade e ás cifras de infraccións rexistradas, "seguimos sendo imprudentes ao volante".
Así, indicou que as principais causas de accidentes seguen sendo a condución distraída, a velocidade inadecuada, o alcol, non manter o intervalo de seguridade e non respectar as prioridades e que, a pesar das intensas campañas que tráfico realizadas para controlar a presenza de alcol e drogas, as estatísticas aínda mostran un alto grao de incumprimento.
Así, ata o 31 de marzo deste ano, isto é, no primeiro trimestre, a Garda Civil de Tráfico realizou 62.900 probas de alcoholemias, das que 1.138, o 1,81%, resultaron positivas. Realizáronse menos probas de consumo de drogas, 240 en total, e o 77,7% deron resultados positivos.
En base ás estatísticas de infraccións na provincia, nese primeiro trimestre detectáronse máis de 21.900 por exceso de velocidade, 558 por uso do móbil, 883 por non usar o cinto de seguridade, 1.370 en materia de alcol e drogas e 23 por non utilizar o casco protector.
Larriba aproveitou para seguir facendo un chamamento aos condutores para que respecten as normas de tráfico, "non só pola posible multa que lles pode supoñer, senón fundamentalmente pola seguridade das súas vidas".
Relacionadas:
-
Unha muller de 85 anos, falecida ao chocar un turismo e unha motobomba en Carballedo
Por Redacción | Creada e actualizada