Abre o prazo para acceder aos oito campos de voluntariado da provincia
Por Redacción
A Xunta de Galicia abre o prazo para solicitar unha das 200 prazas que ofertan os 8 campos de voluntariado internacionais dirixidos a persoas de entre 18 e 30 anos da provincia de Pontevedra. Actividades que se enmarcan dentro da Campaña de Verán 2019 do Goberno galego que leva por lema "O verán que queres vivir".
Cada un destes campos terán unha modalidade. O da Illas Cíes, que oferta 30 prazas en cada unha das catro quendas que celebrará, estará dedicado ao apartado ambiental. O de Cerdedo-Cotobade, que se centra na modalidade social e audiovisual, terá 20 prazas e porase en marcha baixo o nome de "Un rural de cine: A muller é vida".
O campo de traballo "Natureza e patrimonio xunto o mar III" de Vilanova de Arousa, oferta tamén 20 prazas e vertebrarase dentro do eido medioambiental e mariño. Mesma número de participantes atesouran o campos de voluntariado de Agolada e O Grove. O primeiro centrarase no conxunto de Os Pendellos e o segundo, que levará como título "A terra que habita no mar", é unha das novidades deste ano. Os participantes neste campo de voluntariado poderán contribuír á posta en valor do concello con diferentes actividades.
Hai tres convocatorias para poder solicitar unha praza nos 30 campos de traballo que se ofertan en toda Galicia. A oferta concreta de datas, lugares, grupos de idade e outros datos pode consultarse na páxina web da Xunta de Galicia, na área de Xuventude ou no Diario Oficial de Galicia do día 22 de abril.