Os socialistas pechan a campaña animando a votar ao PSOE para frear ás "tres dereitas"
Por Redacción
O PSOE apurou as últimas horas da campaña electoral para as eleccións xerais do 28 de abril facendo un chamamento aos pontevedreses para que vaian a votar ante o "momento crucial" que supoñen estes comicios. En dous mitins celebrados en Vilaboa e Vilanova de Arousa, os socialistas reiteraron que "non podemos quedar na casa".
En Vilaboa, as candidatas ao Congreso e ao Senado, Olga R. Puga e Marica Adrio, pediron á xente que o domingo "voten polo PSOE" para manter o "camiño de avance" iniciado para recuperar os dereitos sociais perdidos cos gobernos do PP. Fronte a iso, engadiron, hai "tres dereitas" que apostan por "involución, recortes e mentiras".
"Eu non quero ese camiño para as miñas fillas e fillos", explicou Puga sobre PP, Ciudadanos e VOX, mentres que a pontevedresa Marica Adrio engadiu que é o PSOE o que "defende os dereitos de todos e todas" e onde os electores deben concentrar o seu voto.
Pola súa banda, en Vilanova foron Jorge María e Modesto Pose os que fixeron un chamamento a todos os votantes progresistas para acadar un goberno "forte" que impida que os partidos das dereitas "nos fagan retroceder".
"O Partido Socialista é a opción máis útil para garantir a convivencia e para a estabilidade", destacou Pose, que reclamou o voto para o PSOE para evitar a "radicalización do país" e a inestabilidade que suporía a irrupción da extrema dereita.