Evacúan a Montecelo tres persoas intoxicadas polo fume dun incendio en Vilaboa
Por Redacción
Tres persoas foron trasladadas ao Hospital de Montecelo tras declararse un incendio no baixo dunha casa situada en Vilaboa. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, todas elas presentaban síntomas por inhalación de fume.
O incendio tivo lugar no lugar de Pazos e tamén provocou danos no interior do soto da casa. Arderon varios barrís e mobles e viuse afectado un depósito de combustible.
A alarma do incendio, sobre as once e media da noite, deuna unha persoa que chamou aos servizos de emerxencias.
Ao lugar trasladáronse efectivos de Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra, da Garda Civil e de Protección Civil.
Xa na vivenda, os bombeiros atallaron o lume e arrefriaron a zona afectada mentres as persoas afectadas, que recibiron asistencia nunha ambulancia, foron levadas finalmente ao hospital pontevedrés.