Día de reflexión entre os políticos antes da "crucial" xornada electoral do domingo
Por Alejandro Espiño
Tras dúas semanas de intensa campaña, e en cumprimento da lei electoral, os partidos políticos descansron no tradicional día de reflexión antes da xornada electoral do domingo que, uns e outros, cualifican de "crucial" para o futuro do noso país.
Actividades de lecer con familiares ou amigos foron a principal elección dos candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado por Pontevedra.
Así, Guillermo Meijón e Marica Adrio, as apostas do PSOE para ambas as cámaras, compartiron con varios compañeiros do seu partido, entre eles a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, un vermú nun local de hostalería da Praza de Méndez Núñez.
Carme da Silva, pola súa banda, tivo un sábado moito máis activo. A candidata do BNG por Pontevedra aproveitou para gozar do ambiente festivo da cidade, asistindo a diferentes concertos do Galegote Rock e ás probas do Mundial de Dúatlon que se celebra no marco do ITU Multisport Festival. A tarde pasaraa con amigos e familiares.
Pola súa banda, a candidata de En Marea, Iris Malvido, acompañou ao resto de cabezas de lista por Galicia e ao seu coordinador, Luís Villares, ao monte do Galiñeiro, situado entre Vigo e Gondomar, para colaborar nos traballos de rexeneración deste hábitat natural afectado polos incendios de pasado ano.
Ana Pastor, mentres tanto, optou por acudir a Arbo para participar nunha nova edición da tradicional Festa da Lamprea que se celebraba neste municipio pontevedrés. A candidata do PP ao Congreso por Pontevedra estivo acompañada, entre outros, polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; ou os conselleiros de Sanidade e Política Social, Jesús Vázquez Almuiña e Fabiola García.
Menos se deixou ver a candidata de Cidadáns, Beatriz Pino, que segundo a información facilitada polo seu partido, nesta xornada de reflexión almorzou nunha cafetería de Vigo e, posteriormente, deu un paseo co seu can polas inmediacións da Praza de Compostela da cidade olívica.
Relacionadas:
-
Cidadáns e Galicia En Común Podemos repiten cartel para as xerais do 10 N
Por Redacción |
-
Os políticos locais coinciden en sinalar a "importancia" de votar este domingo
Por Alejandro Espiño |
-
O voto por correo dispárase: 16.254 pontevedreses xa enviaron a súa papeleta
Por Redacción |
-
Recta final para o 28A: o operativo de seguridade, condicionado polas baixas da Policía Local e o ITU
Por Natalia Puga |