Vendedores e clientes, "encantados" co cambio temporal da feira a Campolongo: "Aquí está moito mellor"
Por Alejandro Espiño
O traslado temporal da feira dos sábados a Campolongo non puido ir mellor. O veredicto de vendedores e clientes é unánime. "O cambio debería ser definitivo", din uns e outros, satisfeitos da súa situación céntrica e do aumento de clientes e vendas. Iso si, salvo sorpresa, regresarán ás inmediacións do Pazo da Cultura en dúas semanas.
A celebración dos mundiais de tríatlon foi a causante deste cambio, que se manterá na feira prevista para o 4 de maio.
Os feirantes colocaron os seus postos no viario peonil que hai entre a Praza de Galicia e Augusto García Sánchez e a igrexa de San José de Campolongo e as piscinas. Ademais, o mercado estendeuse polas zonas de acceso cara á praza da Constitución.
"Aquí estamos moito mellor. Hai máis ambiente e estamos máis recolleitos", sinalou a PontevedraViva unha das vendedoras, que aseguraba estar "moi contenta" porque a afluencia do público fora maior "desde primeira hora". Que a xente non teña que cruzar a ponte, engade, "fai que se animen a vir ", sobre todo os clientes de maior idade.
Dous destas persoas non teñen dúbidas. "Non hai cor co outro lado. Estamos encantadísimas co cambio", explicaron, chegando a suxerir que este escenario debía repetirse no futuro "polo menos unha vez ao mes".
A medida que paseas pola feira, é difícil escoitar voces contrarias a esta localización. "Esta zona é moito máis agradable que á beira do río", afirma unha das vendedoras máis activas da feira pontevedresa. "A xente sae a pasear e achégase máis por aquí", destacou.
Outros ambulantes engaden que en Campolongo "estamos máis recollidos" se hai mal tempo. "Todo é positivo", reiteran. Aínda que si, tamén hai quen lle pon pegas. "É incómodo que non nos deixaron traer os coches á beira dos postos", alegou unha das vendedoras.