A peonalización de Benito Corbal estenderase a Sagasta, Castelao, Daniel de la Sota e Cruz Gallástegui
Por Alejandro Espiño
Despois do verán. ÿ o novo prazo que marca o concelleiro de Obras do Concello de Pontevedra, Luís Bará, para iniciar os anunciados traballos para peatonalizar o tramo final de Benito Corbal, concretamente entre o cruzamento con Sagasta e Cobián Roffignac. Pero finalmente será un proxecto moito máis ambicioso do suscitado inicialmente. Catro rúas da súa contorna, Sagasta, Castelao, Cruz Gallástegui e Daniel de la Sota, seguirán os seus pasos.
O obxectivo, segundo Luís Bará, é priorizar o uso peonil nas rúas máis comerciais do ensanche pontevedrés. Comezarase, tal e como está anunciado, cos traballos de peonalización de Benito Corbal que "seguen o paso previsto". Financiaranse grazas a 160.000 euros que se inclúen na modificación de crédito que se aprobará no próximo pleno municipal.
Por iso é polo que, Bará confíe en que tralo procedemento de contratación, que durará varios meses, "poidamos executar esta obra despois do verán". Trátase de crear unha plataforma única empedrada que, ao estilo da rúa Michelena, poñerá ao mesmo nivel o actual asfalto coas beirarrúas, que manterán o seu actual aspecto. Será unha zona de uso "preferentemente" peatonal e terá o tráfico restrinxido a residentes e servizos.
Ese mesmo tratamento urbanístico terán, en sucesivas fases, as catro rúas da contorna de Benito Corbal que se suman a esta actuación de mobilidade. Aínda que o Concello de Pontevedra non se marca un calendario concreto tamén converterá Sagasta, Castelao, Cruz Gallástegui e Daniel da Sota en rúas preferentemente peonís, "pechando un conxunto de actuacións que priorizará os movementos peonís nese entorno".
Todos estes cambios obrigarán a unha profunda reordenación de tráfico en toda esta zona. "Está en estudo", explicou o concelleiro nacionalista tras ser preguntado sobre os cambios de circulación. A Policía Local presentará en próximas datas unha proposta para reordenar o fluxo de vehículos nesa zona da cidade. En todo caso, dixo, que algunhas partes "xa están claras" e que o cambio da parada de taxis de Benito Corbal "non será un problema".