"Despois de manifestarse o día do traballo, a comer fabada a Marcón!"
Por Natalia Puga & Nacho Fuentes
O Marcón Atlético convida este mércores 1 de maio a toda a veciñanza da parroquia e do resto de Pontevedra a acompañalo na xa tradicional Festa da Fabada. Este ano acada a 13 edición co reto de volver recadar os fondos suficientes para axudar á actividade do club na recta final da tempada 2018-2019 e converterse, un ano máis, no plan familiar da xornada festiva do Día do Traballo.
O presidente do club, Carlos González; o chef Rubén García; e o concelleiro da parroquia, Alberto Oubiña, presentaron este luns a festa e as novidades deste ano 2019, no que aspiran a servir 1.200 racións de comida e, por primeira vez, tamén sobremesa. Para esta edición, prepararanse 300 unidades de tarta para poñer o colofón á comida: 150 de mousse de queixo e 150 de tarta da avoa.
Este ano, a Festa da Fabada estará marcada por un aniversario, os 50 anos do club, por iso é polo que se optou por poñer un remate doce ao menú. Ademais, as previsións meteorolóxicas apuntan a que será unha xornada de sol que anime á veciñanza a acudir á festa, de maneira que, en previsión, optouse por aumentar as racións de comida dispoñibles.
Segundo explicou o chef Rubén Garcia, o ano pasado ás 14.00 horas esgotaron todas as razóns, arredor de 1.000, de modo que este ano terán todo preparado para 1.200. Resulta complicado aumentar a cantidade de fabada sen arriscarse a que, se a xente non acude como se prevé, sexa necesario tirar comida, así que decidiron manter 700 racións deste prato que dá nome á festa e preparar 500 de paella, o menú alternativo que se prepara desde hai tres anos.
"Despois de manifestarse o día do traballo, a comer fabada a Marcón. Non hai un plan mellor", reivindica Rubén García. As persoas que respondan ao seu chamamento poderán gozar dunha ración de fabada ou arroz por 8 euros. No prezo vai incluído o pan, unha cazola de barrio e unha culler. Ademais, a sobremesa poderá adquirirse a 2,5 euros e tamén haberá auga e viño patrocinado polos furancheiros da zona de Marcón.
Este ano, o pregón correrá a cargo de Luís García, un "home de fútbol", ex adestrador e locutor da Radio Galega. Ademais, a banda sonora pona este ano o grupo musical Calibre e desde a organización garanten bo ambiente. "En Marcón sempre estamos encantados de recibir a todo o mundo, máis nun día coma este, para a Festa da Fabada", conclúe Alberto Oubiña.
A cita será a partir das 13.30 horas no recinto da festa de Marcón.