Corenta actividades para un novo Maio Mes da Lingua
Por Redacción
Corenta actividades programadas, máis dun cento se contamos as da programación educativa, xa pechadas, e máis de 2.000 escolares en 30 días. Son datos que falan de importancia e alcance de Maio Mes da Lingua, proxecto da Concellería de Normalización Lingüística que promove o uso e a valorización da lingua dun xeito lúdico e formativo.
O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou este martes a programación da nova edición de Maio Mes da Lingua que chega con máis actividades e máis asociacións, colectivos e entidades colaboradoras que nunca. Arranca este día 1 coa Festa dos Maios, que terá lugar na Ferrería a partir das 11.00 horas e inclúe obradoiros, xornadas, cinema, teatro, roteiros, recitais, conferencias... e citas de programas como a Final do Club de Debate, Ben Veñas Maio ou Apego, e mesmo a promoción dos 1º Premios Mil Primaveras. DESCARGA AQUÍ O PROGRAMA
"Chegar a máis público, chegar ao público máis novo" é unha das liñas estratéxicas da Concellería de Normalización, lembrou Alberto Oubiña. Neste eido traballouse na elaboración dunha programación "dinámica e viva", da que se dará conta ao día a través do enderezo vencellado á web do Concello aquí pódese descargar o cartaz -deseñado por Abi Castillo- e o programa, ademais de consultar a axenda, avisos ou posibles variacións no desenvolvemento das actividades.
"Temos un país amplamente rico, e ademais temos unha cultura, unha identidade, unha lingua que é tanto ou máis rica, cunhas potencialidades inmensas en todos os sentidos", subliñou Alberto Oubiña, certo de que na oferta de Maio Mes da Lingua "hai propostas para todos os gustos e para todos os públicos".