A asociación Boa Vida cumpre 7 anos apoiando as persoas
Por Oskar Viéitez
A asociación Boa Vida leva 7 anos apoiando ás persoas en situación de pobreza e exclusión da cidade. Por este motivo quere agradecer á cidadanía o seu apoio "e felicitar as familias que conseguiron saír adiante polo seu esforzo e tesón".
Esta asociación partiu dun presuposto cero no 2012 contando unicamente co apoio da parroquia de Monte Porreiro e da iniciativa "Traperos de Emaús", de Pamplona. Este 2018 saldou con fondos suficientes que lles permiten continuar a actividade. Con todo as necesidades de formación e ingresos fan que a lista de espera de persoas que queren participar sexa longa, mais de 10 familias agardan para obter o seu ingreso.
O pasado ano 2.351 persoas fixeron doazóns a esta asociación o que supuxo un aumento do 20% con respecto ao 2017. De media cada persoa entrega uns 7 quilos de roupa e calzado do cal o 60% é reutilizable.
Ao mesmo tempo reciben constantemente mobles, pequenos aparellos eléctricos, enxoval de fogar, que logo sacan á venda na súa tenda solidaria en rúa Santa Clara e tamén no Almacén, situado debaixo da nave de Fidauto, na estrada de Vigo.
Esta expresión de solidariedade da cidadanía pontevedresa complétase con peticións de cambios, traslados, limpeza de rochos. Estas actividades súmanse aos ingresos que se facilitan de forma indirecta a 20 familias e a 5 de forma estable.
Doutra banda na Oficina de Dereitos e Deberes Sociais, da asociación Boa Vida, informou a máis de 500 persoas. Outros 52 cidadáns están a realizar programas formativos ata que consigan un posto de traballo ou autonomía plena na xestión das súas vidas e participación social. Esta actividade está financiada pola Xunta de Galicia e o fondo Social Europeo, tamén a Deputación e o Concello de Pontevedra.