A Garda Civil e o Tenorio FS disputan o sábado un partido pioneiro pola igualdade
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra promove o vindeiro sábado 4 de maio unha iniciativa pioneira dentro do Corpo, un partido feminino solidario pola igualdade no que, por primeira vez, un equipo integrado exclusivamente por gardas civís mulleres se enfronta a outro club, neste caso, o Tenorio FS.
Segundo sinalaron fontes da organización, en Galicia nunca antes se constituíra un equipo só de mulleres gardas para este tipo de iniciativas e non teñen constancia de que exista tampouco precedentes a nivel estatal.
O comandante da Garda Civil José Corral; o presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a presidenta do colectivo Somos Ponte Caldelas, Milagros Domínguez; e representantes da Garda Civil, do Tenorio FS e de Mulleres en Igualdade Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas presentaron este martes a cita, prevista para as 19.00 horas no pavillón municipal de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade.
O partido forma parte dos actos organizados pola Garda Civil para celebrar o 175 aniversario da Benemérita e ten como finalidade fomentar a igualdade e amosar o rexeitamento á violencia de xénero.
Ademais, o partido terá, como terceiro obxectivo, a consecución de fins benéficos e solidarios, xa que vanse recoller doazóns de alimentos non perecedoiros por parte dos asistentes para entregar a colectivos de personas necesitadas.
Cubela felicitou aos organizadores por "esta gran iniciativa" e animou a todos os asistentes a colaborar masivamente coas doazóns de alimentos. Tamén destacou a importancia de seguir dando pasos a favor da igualdade e contra a violencia de xénero.
Relacionadas:
-
Emerxencias vs Garda Civil, fútbol con fins benéficos o domingo 24 en Caldas
Por Redacción |
-
Garda Civil vs servizos de Emerxencias: marque quen marque, gaña a loita contra o cancro
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Garda Civil e o Tenorio FS golean á violencia de xénero
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Cernadiñas Novas acolle o XXX Campionato de Tiro de Combate
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Garda Civil programa actos conmemorativos do 175 aniversario da súa fundación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |