Os sindicatos deixan nas rúas as súas demandas para o novo Goberno
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Os sindicatos toman as rúas neste Primeiro de Maio "esperanzados" na "oportunidade" que a nova situación política podería supoñer para avanzar en dereitos laborais e sociais.
De maneira conxunta UXT e Comisións Obreiras saíron en manifestación ás 11 da mañá da praza da Ferrería nunha mobilización para "reforzar a loita contra a precariedade e a desigualdade". Os traballadores de Ence tiveron unha presenza destacada, e compartiron a marcha con membros do Partido Socialista.
Os dous sindicatos baixo o lema "Primeiro as persoas" instaron á conformación dun Goberno no Estado que aborde "con urxencia" unha axenda social.
Nesta xornada reivindicativa, UXT e CCOO lembran que os beneficios do crecemento económico "só os están aproveitando uns poucos", pois as rendas do traballo non medran ao mesmo ritmo ca os beneficios empresariais. Ambos os dous sindicatos tamén reivindican un cambio de modelo produtivo cara a outro sostible.
Tamén a CIG saíu á rúa, no seu caso foi as 12 da mañá e tamén na Ferrería cun discurso moi semellante. Na súa convocatoria participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e outros membros do BNG.
A central nacionalista esixiu un "cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise", porque os datos reflicten que segue a medrar a precariedade e a pobreza laboral e continúa a perda de poder adquisitivo da clase traballadora galega, sinalaron.
A CIG criticou que o Goberno do PSOE presidido por Pedro Sánchez "demostrou que non tivo intención real de cambiar as políticas impostas polo PP", e tamén sinalou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "porque é un Goberno pasivo, cando non protagonista, na aprobación de duras políticas en favor das multinacionais e dos fondos de inversión, ben sexa promovendo privatizacións e recortes nos servizos públicos ou ben facilitando o expolio dos nosos recursos".