Aser Álvarez González, gañador do XVI Premio Johán Carballeira de xornalismo
Por Redacción
O Premio Johán Carballeira de xornalismo, que convoca anualmente o Concello de Bueu, xa ten gañador. Unha reportaxe publicada por Aser Álvarez González foi elixida polo xurado como a merecedora deste recoñecemento na súa décimo sexta edición.
A reportaxe, titulada Ferrín e a poesía do circo, foi publicada no xornal dixital www.adiante.gal e o seu autor recibirá 1.500 euros.
O xurado, conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, e as xornalistas Ana Cabaleiro e Montse Dopico, explicou que como produto xornalístico "destaca pola súa orixinalidade e estrutura", así como a relación que establece entre circo, teatro e literatura, "ao mesmo tempo que destaca a combinación de xéneros periodísticos".
Aser Álvarez resultou gañador de entre os vinte traballos presentados ao certame nesta modalidade que ten premiado a autores como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás ou Antón Lopo, María Obelleiro e Montse Dopico, entre outros.
Este concurso naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, Juan Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, e tivo como gañadores na pasada edición a Daniel Asorey na categoría de poesía pola obra Transmatria, e a Moncho Iglesias pola reportaxe Corea do Norte: a vida dese outro lado.
Na categoría de poesía, á que concorren cincuenta orixinais, o xurado reunirase nos próximos días.