Redescubrir a provincia a través dos seus centros históricos
Por Redacción
Percorrer as rúas das cidades, vilas e pobos de Galicia é unha das mellores maneiras de redescubrir esta terra. Coñecida mundialmente pola súa natureza, os seus verdes e frondosos bosques, a súa ampla costa de mar bravo e fermosas rías, Galicia é moito máis. Especialmente na primavera é tamén un destino de grande atractivo pola súa cultura e vida local, que ten un dos seus máximos expoñentes nos seus centros históricos. Son excelentes xoias patrimoniais, culturais e tamén turísticas.
E así se demostra en 'Un paseo de historia e vida', a nova experiencia turística viva e aberta que agrupa baixo un mesmo paraugas preto de 30 itinerarios que percorren diferentes centros históricos das catro provincias. A través destes percorridos os viaxeiros coñecen a autenticidade de Galicia combinando cultura, compras en comercios tradicionais e a rica e variada gastronomía.
Propóñense tamén completos itinerarios pola Galicia costeira e de interior a través de vilas como Cambados, coñecida como a capital do viño Albariño a beiras da Ría de Arousa; Betanzos, que foi capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia e chamada "dos cabaleiros" por ser lugar de residencia durante a Idade Media de importantes familias nobres. Faremos parada, ademais, en Corcubión, na costa da Coruña, con especiais exemplos de arquitectura indiana, así como en vilas afamadas como Castro Caldelas no corazón da Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da Unesco.
Os paseos continúan polas rúas da vila de Allariz, en Ourense, que no seu día foi bastión real na defensa da fronteira con Portugal e hoxe é unha fermosa e sosegada poboación chea de museos, xardíns, paseos fluviais e moito comercio tradicional. Ou tamén Combarro, unha pequena e pintoresca poboación na Ría de Pontevedra na que destaca a súa arquitectura popular mariñeira cunha enorme concentración de hórreos e cruceiros; ou as vilas da Ría de Muros e Noia con especiais trazados medievais e mesmo a antiga capital do reino de Galicia no S.XI, a vila de Ribadavia, incluída nos camiños de Sefarad por ter unha das xuderías mellor conservadas de España.
As rutas inclúen tamén percorridos nas 7 grandes cidades galegas como o centro histórico de Santiago de Compostela, Patrimonio Mundial desde os anos 80 e meta de peregrinación; a cidade de Lugo, o asentamento urbano máis antigo de Galicia coa súa Muralla Romana tamén Patrimonio Mundial, ou A Coruña, que comparte o privilexio de contar con outro dos bens Patrimonio Mundial de Galicia, a Torre de Hércules, o faro romano máis antigo en funcionamento.
'Un paseo de historia e vida' propón percorrer a cidade histórica de Vigo, urbe industrial e emprendedora por excelencia de Galicia; ou a de Ourense, segunda capital termal europea. Tamén se inclúen percorridos por Pontevedra, situada no corazón das Rías Baixas e cuxas rúas manteñen o esplendor que a fixo forte ao comezo do Renacemento pola importancia da pesca e comercio marítimo, ou a cidade de Ferrol, porto da Ilustración onde a base naval e os estaleiros son parte da súa identidade, xunto aos vestixios da cidade pesqueira que foi e que se poderá descubrir paseando polas súas rúas.
É só parte dun percorrido que suma preto de 30 rutas diferentes que se converten na opción perfecta para coñecer Galicia na primavera gozando de itinerarios por igrexas, mosteiros, casas populares, pazos ou pezas arquitectónicas singulares para que o viaxeiro se empape do extenso patrimonio da excepcional cultura galega. Tamén permite levar de Galicia un anaco da súa artesanía facendo parada en negocios que destacan pola súa especial autenticidade. En moitos casos son establecementos que se manteñen polo traballo transmitido de xeración en xeración pero tamén se priman experiencias de emprendedores que poñen énfase nos valores tradicionais e a modernidade, así como establecementos de calidade acreditada.
E este itinerario permite, ademais, saborear Galicia, destacando establecementos gastronómicos que coidan especialmente o produto. Trátase en moitos casos dun produto de tempada e km0, é dicir, un produto puramente local. En definitiva, 'Un paseo de historia e vida' é unha nova maneira de redescubrir Galicia. Lévanos a imaxinar como era o día a día en tempos remotos. Uns tempos que quedaron gravados en pedra e que esperan a que os pasos e a mirada dos viaxeiros os descubran.