O Grove quere falar coa conselleira de Educación o problema do "Edificio dos mestres"
Por Oskar Viéitez
O Concello do Grove ven de reiterar as súas solicitudes de reunión coa Conselleira de educación da Xunta de Galicia, Carmen Pomar para falar do problema do "Edificio dos mestres".
A situación deste inmoble continua a empeorar e o goberno local considera que será preciso tomar medidas ao respecto, máis ainda ao ter noticia de que a Xunta de Galicia ten activado 26 millóns de superávit para obras en centros escolares. En concreto, diante da "gravidade" da situación do "Edificio dos mestres", que segue en proceso de deterioro, e "require que a Xunta teña que intervir ao respecto".
Na última reunión mantida co anterior conselleiro e o xefe provincial de Educación os técnicos da Xunta de Galicia indicaron que, tras a análise da situación do colexio, este precisaría de maior superficie e por iso ían manter a titularidade do edificio co fin de poder construír un ximnasio, un comedor e incluso aulas de apoio.
Por todo isto, para o Concello do Grove resulta "importante" que a Xunta "priorice" esta actuación dándolle unha solución para este inmoble. O mal estado do mesmo supuxo que o Concello tivera que facerse cargo de reparacións custosas nos pasados anos "e todo apunta a que este problema poida volver a repetirse", engaden.