Noa Martínez e Gabriel López, gañadores do concurso de redacción da Festa da Troita
Por Redacción
Noa Martínez Leiro, alumna do colexio da Reigosa, e Gabriel López Cabadas, escolar do colexio Cordo Boullosa, recolleron este luns os seus recoñecementos como gañadores dos concursos de Redacción da Festa da Troita de Ponte Caldelas, evento festivo que se celebrará na Alameda de Ponte Caldelas os días 18 e 19 de maio.
Os gañadores recibiron os seus premios, consistentes nunha tableta electrónica e un trofeo, e os preto dun cento de escolares que participaron no concurso os seus diplomas acreditativos.
O alcalde, Andrés Díaz, e os directores e profesorado dos colexios Reigosa e Cordo Boullosa participaron na entrega dos premios a todos eles.
Noa Martínez, alumna de quinto curso de Primaria, conta na súa redacción as vivencias dunha rapaza da parroquia pontevedresa de Marcón que se mudou coa súa familia a Xustáns (Ponte Caldelas). O texto narra o proceso de adaptación a unha paisaxe máis rural onde os costumes e as persoas van impregnando as vivencias da nena.
Gabriel López, alumno de sexto de Primaria, narra a lenda de Mundín das Biocas, un veciño de Rebordelo (Ponte Caldelas) que se declarou en rebeldía fiscal contra Pedro Madruga.
As redaccións están publicadas no libro programa da Festa da Troita. O libro leva como portada o cartel gañador e no seu interior poden verse tamén as imaxes gañadoras do concurso de fotografía.
Relacionadas:
-
A troita regresa a Ponte Caldelas para a súa gran festa tras o seu periplo polo rural
Por Redacción |
-
Polo río arriba van... 75 novas troitas
Por Redacción |
-
Entrega de premios aos mellores carteis e fotografías do concurso da 53 edición da Festa da Troita
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas convoca os certames de Redacción, Carteis e Fotografía da Festa da Troita
Por Redacción |