Todos os partidos políticos de Bueu secundan unha moción para reivindicar o libre acceso da veciñanza á Illa de Ons
Por Redacción
Todos os partidos con representación na Corporación municipal de Bueu apoiaron a aprobación dunha declaración institucional de apoio á veciñanza de Ons, para reivindicar o seu libre acceso á Illa fronte ás novas normas de acceso que impulsa a Xunta de Galicia, que establece un cupo de visitas con restricións que non cobren as súas necesidades reais.
Hai unhas semanas a veciñanza recibiu unha comunicación postal na que se anunciaba a limitación do acceso, podendo acceder ás vivendas "os ascendentes e descendentes (dende tataravó a tataraneto) do titular da concesión", deixando fóra aos irmáns, sobriños e demais contorna familiar. Desde a Corporación considérase que se trata "dunha decisión arbitraria e limitativa, e que non se recolle no PRUX".
Desta maneira, esixirán á Xunta de Galicia o recoñecemento da persoas residentes en Ons e o seu círculo e contorna familiar como elementos fundamentais da Illa, comprometéndose a garantir o exercicio dos seus dereitos, entre os que está o libre acceso á Illa, tal e como foi sempre.
Ademais, instan á creación e convocatoria dunha comisión mixta na que se consensuen as principais decisións sobre a Illa de Ons, e na que estea representada a veciñanza, o Concello e a Xunta de Galicia.
A moción aprobouse por unanimidade durante a sesión plenaria celebrada este luns no Centro Social do Mar tras ser consensuada nunha Xunta de Voceiros e nunha reunión coa veciñanza.
Félix Juncal, alcalde da vila, declarou que "é a Xunta de Galicia a que ten que resolver o problema que ela creou" en referencia ás restricións no acceso impostas á contorna e círculo familiar da veciñanza.
A fin de marcar os seguintes pasos a seguir, este mércores está convocada unha nova xuntanza coa veciñanza da Illa de Ons, que se celebrará no Centro Social do Mar ás 18.30 horas.
Relacionadas:
-
O alcalde de Bueu, cos veciños de Ons na súa loita contra a candidatura da illa a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
Os veciños de Ons e Abel Caballero, fronte común contra a candidatura da illa a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
Ana Pontón acusa a Xunta de discriminar a veciñanza de Ons no acceso á Illa
Por Redacción |
-
Os concesionarios de Ons deberán concretar o número de familiares aos que queren estender o acceso á illa
Por Redacción |
-
A veciñanza da Illa de Ons reivindica ante a Xunta o seu dereito a acceder libremente ás súas vivendas
Por Oskar Viéitez |
-
Bueu reclama que o cupo de visitantes a Ons non se aplique a residentes e as súas familias
Por Redacción |