Máis dun milleiro de palilleiras amosarán en Pontevedra o valor artístico do encaixe
Por Alejandro Espiño
Pontevedra acollerá, un ano máis, o maior encontro de palilleiras que se celebra en Galicia. Ata 1.300 artistas do encaixe espera reunir a organización deste evento que chega á súa décimo cuarta edición.
O Recinto Feiral será o escenario desta vistosa reunión os días 17, 18 e 19 de maio, segundo confirmaron as responsables da asociación A Fieitiña, que foron recibidas este martes polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
As participantes, durante as dúas primeiras xornadas, poderán asistir a catro obradoiros profesionais que tratarán o encaixe moderno, o encaixe artístico -como trasladar un cadro ou unha paisaxe ao encaixe- ou o denominado encaixe esloveno, aos que se sumará un curso sobre a técnica de guipur policromado.
O domingo 19 será o día grande deste encontro de palilleiras, onde o público poderá admirar a hipnótica técnica artesanal que supón esta modalidade de encaixe.
Ademais, expoñeranse 17 reproducións que una destas artistas, Ana Rosa Lista Sebe, realizou de cadros do pintor galego Luís Seoane.
Na presentación do evento, Fernández Lores destacou que este encontro permite demostrar "o que se pode facer co encaixe como arte", reforzando a idea de que esta técnica "ten futuro" e que pode ofrecer "posibilidades" como actividade económica.
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, engadiu que as palilleiras responden a unha tradición "moi vinculada coas mulleres", ao ser transmitida entre xeracións "pola vía materna". Por iso é polo que defendese mostrar "con orgullo" que estas mulleres se converteran en "depositarias" deste "legado".