Un home acusado de recibir envíos de cocaína en paquetes postais confesa os feitos e incrimina á súa amiga
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo celebrado este martes contra dúas persoas acusadas de tentar introducir en Galicia cocaína procedente de Paraguai vía paquete postal.
No banco dos acusados sentáronse Gabriel César G.D. e Fernanda B.S. O home confesouse autor dos feitos que se lle imputan e incriminou á súa compañeira asegurando que entre ambos idearon un plan para recibir un paquete postal que contiña cocaína. "Era cosa de los dos", repetiu ante o tribunal sobre esta operación "yo fui el que puso el dinero pero lo organizamos entre los dos" e "las ganancias iban a medias", declarou.
"Yo vi que era una posibilidad de ganar dinero fácilmente, de lo cual me arrepiento mucho", confesou o acusado.
Segundo explicou este home, Fernanda fixou o seu domicilio na localidade de Ponteareas, onde debía recibir o paquete a nome da súa exparella, para non levantar sospeitas.
César engadiu que cando a operación estaba en marcha "me arrepentí, me eché atrás. No era una broma, pagué cárcel por ello. Me ha costado mucho de mi vida".
Pola súa banda Fernanda nega ter coñecemento de que o paquete contiña droga. Admitiu que se prestou para "hacer un favor" a César "por la confianza y la amistad íntima que teníamos" pero asegurou que "yo no pensé jamás que me podría poner en una situación como esta".
Segundo declararon os axentes de Vixilancia Aduaneira, detectaron que o paquete tiña cocaína, polo que procederon á súa entrega controlada o 20 de xullo de 2017, cando un axente simulou ser un repartidor da empresa DHL e levou o paquete ao domicilio indicado, onde foi recollido pola acusada. Tras isto, procedeuse á identificación e detención tanto dela como de César.
A cocaína atopábase oculta nas tapas duns archivadores e pesaba algo menos de 300 gramos, cun valor no mercado de uns 30.000 euros.
O fiscal considera a ambos os autores dun delito contra a saúde pública e pide para Gabriel unha pena de tres anos de prisión e multa de 17.748 euros. Nesta solicitude de condena ten en conta as atenuantes de drogadicción e confesión tardía. Ademais, interesa a suspensión da pena condicionada a que se someta a un tratamento de desintoxicación.
O representante do Ministerio Público pide para Fernanda unha pena de catro anos e catro meses de prisión e multa de 17.748 euros.