José Cacabelos presenta a candidatura "con capacidade e ilusión" coa que opta á reelección como alcalde do Grove
Por Redacción
José Cacabelos presentou este martes ante a veciñanza do Grove a candidatura que o acompaña no seu camiño cara á reelección como alcalde do Grove nas eleccións do próximo 26 de maio polo PSOE, unha lista da que destaca que é "exactamente igual a calquera veciña ou veciño desta vila".
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañou a Cacabelos na súa presentación e tamén contou co respaldo de pesos fortes do seu actual goberno como Emma Torres, secretaria de organización e tenente de alcalde e concelleira os últimos catro anos que xa anunciou que non repetiría na lista para dedicarse plenamente ao seu traballo como profesora universitaria.
Ademais de presentar á xente que "con capacidade e ilusión" que o acompañará "para sacar adiante proxectos que transformen a vila e avancen cara o futuro", Cacabelos aproveitou para facer balance de catro anos nos que "temos transformado a vila dando prioridade ás persoas".
O seu lema de campaña, 'Outro xeito de facer política', foi o seu leiv motiv durante os últimos catro anos, con todo o que implica contacto directo coa veciñanza: "hai que escoitala, estar con ela e ter a capacidade de transformar as ilusións e os proxectos que trasladan os á realidade; ese é o traballo da política municipal".
Así, Cacabelos detallou "os máis de 30 encontros" coa veciñanza realizados durante este mandato "onde a veciñanza sempre puideron preguntar, criticar e aportar". "Nós non tivemos que esperar a maio para realizalos, como fan a maioría de partidos; ao mes seguinte de empezar a gobernar fixemos a nosa primeira charla diante de 200 veciñas e veciños", unha tónica que se mantivo durante o resto do mandato.
Carmela Silva valorou a "grande acción de goberno" levada a cabo por Cacabelos "aínda tendo en contra a Portos e á Xunta, que puxeron miles de atrancos para intentar frear ao Grove". En relación con esta situación, denunciou como o PP pretendeu que o Grove "perdera a financiación da Deputación para o Auditorio Municipal".
A presidenta da Deputación destacou que O Grove mellorou nestes anos do goberno de Cacabelos en aspectos como o impulso a economía, a proxección a nivel nacional e internacional ou a aposta pola calidade como piares do equipo de goberno municipal, cuxo maior reflexo a Festa do Marisco. Non se esqueceu da "transformación urbana" da vila, coa recuperación de espazos públicos, melloras de parques e xardíns e novos equipamentos e dotación.