A nova Lei de Costas podería provocar en Pontevedra, di Mosquera, unha "desfeita maiúscula"
Por Alejandro Espiño
A "desfeita" que pode provocar a nova Lei de Costas no Concello de Pontevedra sería "maiúscula", asegura o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. E todo porque obriga a revisar todos os núcleos e áreas urbanas que se delimitaron nos últimos 25 anos, incluídos os xa legalizados. "ÿ unha barbaridade de tal calibre que é difícil de aceptar que se poida ter feito", afirmou.
A nova lei "non admite dúbidas", di Mosquera. Todos os núcleos e áreas que non estaban clasificadas como urbanas en xullo de 1988, data na que entrou en vigor a anterior Lei de Costas, terán que solicitar un novo informe no prazo de tres meses "e polo tanto Costas pode impór novas condicións, tanto na delimitación como nas condicións de edificabilidade ou unha prohibición de novas edificacións".
Trasladado á práctica, no peor dos casos os afectados perderían a propiedade das súas vivendas, cederíaselles en réxime de concesión durante 75 anos e non poderían facer ningún tipo de reforma ou ampliación sen a autorización de Costas. Aínda que matizó que "tardaremos en saber o alcance desta decisión", César Mosquera explicou que como o PGOU en vigor data de 1989, habería que fixarse no anterior plan, de 1953, xa que o de 1970 foi anulado nos tribunais.
Estarían afectadas, polo tanto, todas as zonas próximas ao río Lérez ou á ría de Pontevedra, "quitando o Centro Histórico, parte das Corbaceiras, a zona baixa do Burgo ou Manuel do Palacio". O resto, afirmou o concelleiro nacionalista, quedarían nunha dubidosa situación legal. Entre estas áreas citou José Malvar, A Gándara, Mollabao ou as parroquias de Ponte Sampaio, Praceres ou Lourizán.
Ademais, César Mosquera mostrou a súa preocupación por outros aspectos recollidos nesta nova lexislación como marcar un prazo máximo de dous anos para instar á redución da liña de protección, a prohibición en todo caso de novas edificacións ou a aplicación de normas máis duras para poder legalizar núcleos e áreas non clasificadas como urbanas en 1988. "Todo isto pon estas zonas nunha situación moito peor da que estaban".
Ante toda esta situación, Mosquera criticou a postura da Xunta de Galicia, xa que ademais de manter unha actitude de "palmeira" do goberno central, entende que está levando a cabo unha campaña "perigosa e nociva" ao vincular a solución dos núcleos costeros á aprobación dos novos PXOM "cando unha cousa non ten nada que ver coa outra". Asegura que hai instrumentos "máis simples e rápidos" que a "pesada" maquinaria dun PXOM.
Segundo o edil nacionalista, "estase ocultando que a anunciada solución aos núcleos coa nova lei non é tal" e que se intenta responsabilizar aos concellos dun problema "creado por Estado coa connivencia da Xunta". Ademais, critica que enfronte esta posible solución parcial "a un recorte da edificabilidade e problemas para os demais núcleos dos concellos". O máis sensato, concluíu Mosquera, é que sexa a Xunta quen fixe unha delimitación e clasificación de todos os núcleos costeros "dando unha solución común a un problema que é común".