Nove empresas están interesadas en construír o parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción
Avanza a tramitación administrativa do novo parque infantil de Médico Ballina. Ata nove empresas presentaron a súa oferta para construír este equipamento, un proxecto que ten un prezo de licitación de 175.000 euros e un prazo de execución de tres meses.
As empresas que presentaron ofertas son Bricantel España, Construcciones Cernadas, EC Casas, HPC Ibérica, Jardincelas, Naturgalia, Oziona Soluciones de Entretenimiento, a UTE Lappset - Acevi e Zona de Obra O Rosal.
A partir de agora serán os técnicos municipais os que estuden estas propostas para que a mesa de contratación poida propor á adxudicataria que mellor oferta presentara.
O parque de Médico Ballina instalarase sobre a cuberta do túnel do tren, na marxe dereita da rúa, en dirección Pontevedra-Santiago. Estará situado nunha parcela de 1.198,42 metros cadrados, onde se pretende crear unha zona de estancia para os acompañantes dos rapaces e unha traseira na que se instalarán os xogos infantís.
Na entrada ao parque, onde se situarán os acompañantes, o prego recolle a colocación, cando menos, de catro bancos, papeleiras, mesas con xogo de mesa e bancos incorporados, mesa de pinpong e unha fonte adaptada para mobilidade reducida.
Na zona de xogos, o prego deixa aberto o tipo de bambáns que se queiran colocar, pero marca como obrigados un xogo inclusivo e bambáns con unha cadeira tipo cueiro e outra inclusiva tipo hamaca, un xogo de tirolesa e outro tipo cesta múltiple.
Relacionadas:
-
O parque de Médico Ballina empezará a construírse en agosto
Por Redacción |
-
Médico Ballina terá o seu parque infantil antes de que remate este ano
Por Alejandro Espiño |
-
Queixas veciñais pola falta de iluminación na rúa Médico Ballina
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PP propón un 'plan de choque' para atender os parques infantís de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |