Un programa identificará a 400 cabalos nos montes da provincia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Veterinaria veñen de acordar a identificación de ata 400 exemplares de gando equino que viven en réxime de liberdade ou semiliberdade nos montes da provincia, "dando así resposta á inquedanza das comunidades de montes e ante a inacción da Xunta de Galicia", salientou a presidenta provincial, Carmela Silva.
En total, a institución provincial inviste na actuación 9.600 euros co obxectivo de preservar o valor etnográfico, turístico, medioambiental e sostible das explotacións gandeiras tradicionais, ao tempo que impulsar o cumprimento da normativa vixente relativa á identificación dos équidos.
O presidente do Colexio Oficial de Veterinaria, Luis Núñez Desiré, agradeceu o compromiso da Deputación "que aínda que non ten competencias, con esta axuda para identificar o gando equino marca unha referencia a nivel galego xa que é a primeira administración que o fai".
O sistema de identificación inclúe un documento permanente único, un microchip e unha tarxeta de movemento equino editada pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. Amais, o gando equino identificado formará parte dunha base de datos.