14 salóns de peiteado, barberías e centros de maquillaxe levarán este sábado o mellor 'look' á rúa con 'Rizando o Rizo'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A proposta 'Rizando o Rizo' chega este sábado 11 á praza de Ourense e á Ferrería coa instalación de 14 stands no que figuran salóns de peiteado, centros de maquillaxe, barberías e tendas especializadas en estética.
Desde as 16.30 ata as 20.30 horas, estes espazos ofrecerán diversas actividades para escolares e para adultos coa intención de poñer en valor estes establecementos de beleza.
Segundo Beatriz Pintos, presidenta da Asociación provincial Máis que Cabelos, realizan un "labor social" ao permitir que moitas persoas que se achegan tristes a un salón de peiteado regresen contentas as súas casas. Nesta ocasión, as persoas que vaian ata a Ferrería poderán comprobar o funcionamento de técnicas cada vez máis empregadas como a depilación con fío.
Este mércores, Beatriz Pintos e a concelleira de Promoción Económica Anabel Gulías presentaban 'Rizando o Rizo', unha cita sectorial do programa A Pé de Rúa, que impulsa o Concello de Pontevedra co obxectivo de dar máis visibilidade ao comercio local.
PIDEN UNHA BAIXADA DO IVE
Nesta presentación, Beatriz Pintos reclamaba unha baixada do IVE porque desde que se levou a cabo a suba en setembro do ano 2012, o sector sufriu un importante retroceso en investimentos para adquirir nova maquinaria e, sobre todo, provocou despedimentos.
A presidenta de 'Máis que cabelos' sinalou que unha suba como a que efectuou o ministro Montoro dun 8% a un 21% provocou unha situación moi complicada para estos profesionais que continúan a sufrir graves dificultades para soportar a presión fiscal.