Rueda asegura que no PP teñen "sensacións moi positivas" nesta provincia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O PP de Pontevedra reuniu este mércores a case todos os seus candidatos ás Alcaldías da provincia coa vista posta no inicio da campaña das eleccións municipais, que afrontará "con forza" desde este venres. Antes do encontro, o presidente provincial, Alfonso Rueda, indicou que os populares están "con ilusión e con moitas gañas" e que, "como facemos sempre, o vindeiro día 26 vamos sair a gañar".
"As sensacións que percibimos en todos os lugares onde estamos presentando aos nosos candidatos son moi positivas, con moito apoio dos veciños, enchendo sempre. Nótanse o compromiso e as gañas de traballar dos nosos", dixo.
Nesta liña, apelou a "unir o voto en torno ao PP", que definiu como "a única alternativa viable aos gobernos de esquerdas" e puxo en valor "a experiencia e o saber facer dos populares nos gobernos municipais ao longo de moitos anos".
Por último, Alfonso Rueda chamou aos seus a traballar en equipo e con unidade, "como sabemos facer no PP", polo que amosou a súa confianza en obter "un gran resultado en todos os concellos da provincia" xa que "todas as nosas listas teñen carácter gañador", suliñou.