Barro proxecta a mellora integral do Parque de Barosa
Por Redacción
Barro impulsa un proxecto para a mellora integral do parque de Barosa para mellorar varios aspectos que non quedaran ben resoltos no seu día e impulsar un mantemento integral de todo o que se deteriorou co paso dos anos.
A actuación, que conta cun orzamento de 100.000 euros, ten como obxectivo a mellora da accesibilidade da rampa de acceso á zona baixa do parque e da illa dende a zona norte. Tamén prevé a dotación de novos baños públicos que alivien a sobrecarga de usuarios dos existentes, sobre todo, nos meses de verán.
O proxecto inclúe un tratamento de silvicultura global, a reparación das sendas existentes no entorno e doutros elementos que se foron deteriorando co uso e o paso do tempo e a mellora da sinalización.
Con esta actuación de mellora e posta a punto do parque, o goberno municipal pretende que este lugar emblemático de Barro poida ser desfrutado con máis comodidade por todos, que siga sendo un espazo de atracción para máis visitantes e un motor da promoción turística de Barro.
O parque de Barosa é un espazo dun alto valor natural e etnográfico que recibe miles de visitantes ao longo do ano, tanto do concello como de fóra del, e sobre este espazo non se volvera actuar dende que se executou o proxecto inicial.