A Brilat regresa do Líbano
Por Oskar Viéitez
A primeira rotación con militares da BRILAT regresa do Líbano. Chegará ás 00:55 horas do sábado día 11 de maio ao aeroporto de Lavacolla en Santiago de Compostela.
Segundo informaron desde o Ministerio de Defensa, son uns 135 militares que regresan despois de seis meses despregados en Zona de Operacións.
Quen xa se atopa en España é o xeneral de brigada Antonio Romero Losada, xefe da Brilat que está ao mando do continxente español en Líbano e que foi evacuado de urxencia debido a unha doenza intestinal que lle levou a ser ingresado directamente no Hospital Central da Defensa Gómez Ulla de Madrid onde foi intervido con resultado satisfactorio.
A misión de UNIFIL ten entre os seus labores vixiar o cesamento de hostilidades entre Líbano e Israel e asistir ao exército libanés no sur do país ao longo da separación entre ambos os estados na denominada "Liña Azul".
O groso do continxente español da operación atópase na Base Miguel de Cervantes, onde se sitúa o Cuartel Xeral do Sector Este de UNIFIL que lidera España.
Os militares españois realizan patrullas a pé e en vehículo para vixiar permanentemente a liña de separación entre Líbano e Israel. Tamén establecen observatorios e realizan outras actividades en colaboración coas Forzas Armadas Libanesas, todas dirixidas a garantir o cumprimento da resolución 1701 de Nacións Unidas e evitar que se chegue a situacións que poidan conducir a unha escalada de tensión entre as partes.