O Obradoiro de Emprego arranxa once fontes e lavadoiros e de dous sendeiros en Moraña
Por Redacción
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III acaba de iniciar o groso das obras que tiña programadas para o Concello de Moraña, consistentes no acondicionamento e restauración de once fontes e lavadoiros de titularidade municipal e na creación de dous sendeiros xunto aos regos de Catañosa, Gundeiro e Cornide.
Cómpre sinalar que, durante o pasado inverno, xa se fixeron algúns traballos previos e necesarios para a execución destes proxectos, como a realización de queimas controladas nos espazos dos futuros sendeiros para poder trazalos ou a desmontaxe dos vellos teitos e as tarefas de carpintaría nalgúns dos lavadoiros que van ser rehabilitados.
Dende agora, e durante os vindeiros catro meses, xa que o remate do Obradoiro de Emprego está previsto para agosto, os alumnos dos módulos de Albanelería e de Acondicionamento Forestal cumprimentarán esta fase de prácticas, coa que se pretende favorecer a súa inserción laboral, e mellorarán a rede de infraestruturas e servizos públicos de Moraña.
As obras proxectadas consisten na restauración, saneamento, revestimento e limpeza dos lavadoiros de Penagrande, A Pallota, Casal e Lamas, o pilón de Cartamil, o pilón e fonte de Cerdeiras e os fontelavadoiros de Vilacoba, Chaián de Arriba, Barosela e Cosoirado.
En canto aos sendeiros, procederase ao acondicionamento forestal con desbroces, talas e podas, a limpeza de camiños e marxes dos ríos, a habilitación de sendeiros con dous metros de anchura, a eliminación de eucaliptos, mimosas e acacias e a súa substitución por especies autóctonas e de ribeira, a realización de tratamentos silvícolas e a adopción de medidas de prevención de lumes forestais.
Así, actuarase no sendeiro que pasa polas parroquias de Amil, Rebón e San Lourenzo a través dos lugares da Picota, Vilacoba, Rozabella, Piñeiro, Sorrego e Batán para favorecer o tránsito a carón dos regos de Catañosa e Gundeiro e, por outra banda, no camiño de Saiáns e Gargantáns polas aldeas de Agriños, A Pallota e Ponte Cornide xunto ao rego Cornide.