Manuel Campos quere construír unha escola infantil pública en Cuntis
Por Oskar Viéitez
O alcalde do Concello de Cuntis e candidato á reelección polo PSOE, Manuel Campos anunciou que quere construír unha escola infantil pública en Cuntis no próximos catro anos.
O anuncio realizouse no transcurso dunha mesa redonda celebrada na planta baixa da biblioteca Roberto Blanco Torres e na que participaron o deputado Guillermo Meijón, a parlamentaria Noela Blanco, e o rexedor cuntiense.
Manuel Campos puxo en valor o papel do PSOE no goberno do Estado e tamén na Deputación de Pontevedra para desbloquear proxectos vitais para Cuntis, como a futura humanización da N-640 que levará a cabo durante o próximo mandato.
Tamén destacou que ao longo do último mandato o Concello de Cuntis incrementou cada ano o investimento en iniciativas como o Cuntilín ou o Servizo de Atención Temperá.
Campos asegurou que os servizos sociais son a "bandeira" da xestión socialista en Cuntis no mandato que toca ao seu fin, pero para o próximo a candidatura socialista "subirá a aposta". Despois de abrir o centro de día e incrementar o número de axudas ás familias, Manuel Campos comprométese a construír unha escola infantil pública en Cuntis, cuxa localización desvelará pronto.