A morte de Alfredo Pérez Rubalcaba impacta na campaña das municipais
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
España perdeu a un dos políticos máis recoñecidos. O socialista Alfredo Pérez Rubalcaba faleceu este venres en Madrid aos 67 anos, vítima do ictus que sufriu hai apenas dous días no seu domicilio.
A morte de Rubalcaba, que foi ministro de Educación, Presidencia ou Interior en diferentes gobernos de Felipe González e José Luis Rodríguez Zapatero, impactou de cheo na campaña das eleccións municipais do próximo 26 de maio.
O PSOE suspendeu todos os actos de campaña en sinal de duelo polo falecemento do que chegou a ser o seu secretario xeral e candidato á Presidencia do Goberno.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tamén cancelou a súa axenda oficial para desprazarse a Madrid, acompañar á familia na súa despedida e achegarse á capela ardente instalada no Congreso dos Deputados.
Silva, que formou parte da executiva do PSOE con Rubalcaba á fronte, mostrou o seu pesar pola perda dunha persoa "que dedicou 30 anos da súa vida ao estado e que conseguiu tantas cousas para este país como foi o final do terrorismo, o final de ETA".
"Rubalcaba foi un home de estado, un dos mellores políticos que tivo este país, dunha enorme talla, pero tamén unha excelente persoa e particularmente un amigo a quen nunca esquecerei", engadiu a dirixente socialista, que lamentou a desaparición tan repentina de quen tivo unha "intelixencia política inigualable".
Ademais do PSOE, Cidadáns tamén decidiu cancelar todos os actos públicos previstos na cidade de Pontevedra para este venres e expresou as súas condolencias pola morte do dirixente socialista. Podemos sumouse a esta suspensión da campaña.
O PP, pola súa banda, aínda que inicialmente non o contemplara si suspendeu os seus actos para este venres e se sumou ás mostras de dor da clase política pola morte do ex vicepresidente do Goberno, destacando a súa contribución ao desenvolvemento da democracia en España. O BNG, con todo, decidiu manter o mitin que traerá este venres a Ana Pontón a Pontevedra.