O BNG leva ao Parlamento a homologación dos estudos da Escola de Cantería
Por Redacción
O grupo parlamentario do BNG rexistrou unha batería de iniciativas sobre a Escola de Cantería de Poio, en forma de preguntas ao goberno e proposicións non de lei para a aprobación en pleno e comisión.
O obxectivo destas propostas é instar á Xunta de Galicia a que leve a cabo as actuacións necesarias para o recoñecemento oficial dos estudos da Escola mediante unha titulación de formación profesional de ciclo medio (para os tres primeiros cursos) e ciclo superior (para os dous seguintes). Tamén se prevé que desta homologación se poida beneficiar o alumnado que xa rematou os estudos no centro.
O deputado nacionalista Luís Bará, que se reuniu con representantes da asociación Homologar Canteiros Poio, mostrou o seu apoio ás reivindicacións do colectivo e lamentou a situación na que se encontra a escola, con un descenso acusado na matrícula que pon en risco a súa continuidade xa que no presente curso hai só 12 alumnos cando chegou a ter 70.
Para Luís Bará "é absolutamente paradóxico e inexplicable que teñamos un centro con 40 anos de historia, cun grande prestixio, con intervencións do seu alumnado nos monumentos máis importantes do mundo, con unha formación especializada de 5 anos e máis de 900 horas tanto prácticas como teóricas, e que non teña validez académica nin equiparación aos estudos de formación profesional. Por non valer, o título que expide a escola nin sequera é recoñecido como mérito polo Servizo Galego de Emprego".
Luís Bará considera un primeiro paso positivo o acordo do pleno da Deputación de Pontevedra do pasado mes de marzo no que se acordou instar á Xunta de Galicia a que leve a cabo as accións necesarias para a homologación dos estudos da Escola de Cantería.
Ademais desta proposta, o grupo parlamentar do BNG propón que se promovan os cambios normativos necesarios, tanto co ámbito autonómico como estatal, para o recoñecemento oficial dos estudos da escola como titulacións de FP de grao medio e superior.
Por último, o BNG propón que o parlamento galego aprobe unha resolución para mostrar o recoñecemento cara á tradición da cantería e cara ao labor formativo, divulgativo e de proxección exterior da Escola de Poio, así como expresar o apoio ás demandas da asociación Homologar Canteiros Poio para conseguir o recoñecemento dos seus estudos con títulos académicos oficiais.
Relacionadas:
-
O BNG pide cooperación á Xunta e Deputación para salvar a Escola de Cantería
Por Manu Otero |
-
Jacobo Moreira pide á Deputación que "non se poña de perfil" en relación coa Escola de Cantería de Poio
Por Redacción |
-
RADIO.- Luis Bará: "Volver á política municipal nunca se pode descartar"
Por Marisa Ciordia |
-
O PP vota en contra da homologación do título de canteiría da escola de Poio
Por Redacción |
-
Lores ofrece á alcaldesa de París os "séculos de sabedoría acumulada" dos canteiros galegos para rehabilitar Notre Dame
Por Redacción |
-
Os canteiros de Poio ofrecen os seus servizos para a restauración da Catedral de Notre Dame
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Emilio González: un canteiro na restauración da Sagrada Familia de Barcelona
Por Anxo Lourido |
-
440.000 euros para mellorar as instalacións da Escola de Cantería
Por Redacción |