Cruz Vermella atendeu a máis de 50.000 persoas na provincia durante a 2018
Por Oskar Viéitez
Cruz Vermella en Pontevedra fixo balance da actividade realizada durante o 2018 que beneficiou a máis de 50.000 persoas na provincia.
Esta cifra resulta da memoria realizada pola institución na que a actividade que destacou, como non podía ser doutra forma, é o programa de loita contra a pobreza coa atención de 6.408 persoas ás que se realizou un apoio na entrega de alimentos, pago de subministracións, medicamentos, repartición de material escolar ou pago de taxas de documentos e desprazamentos entre outros, aos que hai que sumarlle 22.700 a través do FEAD e a entrega de produtos non perecedoiros provenientes do Goberno de España e o Fondo Social Europeo.
Durante este período, a atención desenvolveuse con diferentes colectivos como o programa de persoas maiores, con 5.411 usuarios nos proxectos de teleasistencia domiciliaria, centros de día en Pontevedra e Vigo, axuda a domicilio complementaria, envellecemento saudable ou apoio a coidadores. Outro dos alicerces imprescindibles é o programa de intervención social que atende a mulleres vítimas da violencia de xénero, persoas sen fogar, inmigrantes, familias acolledoras, ou persoas discapacitadas con 2.711 beneficiarios.
Doutra banda, o programa de emprego cobrou unha especial importancia debido á situación actual de crise socioeconómica, con 2.022 participantes nos seus itinerarios de inserción socio laboral.
Completan estas cifras as campañas de prevención da saúde con 3.008, os seus servizos preventivos nos eventos deportivos e culturais con 3.330 persoas atendidas ou o centro de formación polo que pasaron 9.308 alumnos que realizaron desde cursos de capacitación laboral, formación para voluntarios ou de ámbito sanitario para a poboación en xeral.
Destacar tamén o importante labor realizado polo equipo de Cruz Vermella Mocidade con 6.368 mozos que participaron nos programas de educación para a saúde, prevención de condutas violentas, animación hospitalaria, promoción do éxito escolar ou os centros de mediación social.
Os responsables de Cruz Vermella destacaron que todas estas actuacións non se poderían levar a cabo sen a colaboración desinteresada e fundamental do equipo de persoas voluntarias que representan o motor da institución e que en Pontevedra son xa máis de 2.000 persoas.
Pero ademais en Cruz Vermella conta cun importante apoio social reflectido en 20.512 socios entre empresas e particulares que cada día achegan o seu granito de area para poder facer realidade estes obxectivos. Neste sentido tamén se realizan campañas específicas de captación de fondos como o día da Banderita en outubro ou, a xa en marcha, campaña de venda de lotería do Sorteo do Ouro, que este ano se realiza baixo o lema "Facer que as cousas cambien non é cuestión de sorte".